Saturday 06 de July de 2024

Israel Fernández e Diego del Morao dan comezo o xoves ao ciclo Ágora Selección Sonora


O circuíto, cuxas entradas xa están á venda, repartirá as súas actuacións entre abril e decembro co obxectivo de consolidarse na escena local con actuacións únicas e exclusivas en Galicia

Israel Fernández e Diego del Morao actuarán este xoves, 27 de abril, no auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Será o primeiro concerto do novo ciclo Ágora Selección Sonora, promovido polo Concello e que contará con artistas internacionais e figuras nacionais de renome.

As entradas está á venda en Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. Israel Fernández é a cabeza visible da nova escena do cante jondo e foi un dos artistas máis destacados e aclamados da pasada edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, sendo o seu concerto no auditorio de Santa Margarida un dos máis multitudinarios. Hoxe en día é considerado xa un dos intérpretes flamencos máis importantes, e seguramente o referente de toda a nova xeración de artistas do xénero. Conta con catro álbums publicados e un recoñecemento unánime de público e crítica.

Entradas para o resto de actuacións, á venda

As entradas para o resto de actuacións anunciadas do ciclo Ágora Selección Sonora xa están á venda a través de Ataquilla e dos puntos de venda físicos habituais. O seguinte concerto programado no auditorio do Centro Sociocultural Ágora será o da banda británica Temples, unha referencia do pop psicodélico actual. Actuarán o martes, 16 de maio, ás 20.00 horas.

Por outra banda, o xoves 22 de xuño será a quenda dos americanos Allah-las, que tamén exploran a fusión de rock, pop e psicodelia. A última actuación confirmada do ciclo será a de Valeria Castro. A cantautora canaria actuará o sábado 30 de setembro no Ágora.